10/7/18

CCOO denuncia a falta de previsión do Consorcio Galego de Igualdade para garantir o dereito do persoal ás vacacións

A Xerencia do organismo público está a denegar este dereito pola falta de persoal xerocultor, malia que as solicitudes de vacacións se realizaron xa o pasado mes de marzo.


O sector da Administración autonómica de CCOO de Galicia denuncia, «un ano máis» a falta de previsión do Consorcio Galego de Igualdade para garantir o dereito do seu persoal ás vacacións. Segundo o sindicato, a Xerencia do organismo público está a denegar este dereito pola falta de persoal xerocultor, malia que as solicitudes de vacacións se realizaron «en tempo e forma» o pasado mes de marzo.

CCOO denuncia que a situación se repita cada ano sen que a Administración o solucione. Todos os veráns, o persoal xerocultor debe modificar a data de desfrute das súas vacacións ordinarias porque non hai persoal dispoñible nas listas de contratacións coa titulación requirida —técnico auxiliar de coidados de enfermaría—, pois as ditas listas non se renovaron desde o ano 2008.

O sindicato afirma que esta problemática tamén se dá noutros centros para persoas dependentes, que igual que o Consorcio dependen da Consellaría de Política Social. Non obstante, nestes casos soluciónase con listas extraordinarias nas que se inscriben as persoas aspirantes, que traballan durante as vacacións dos titulares.

CCOO insta a Xerencia do Consorcio e a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría a que solucionen «de contado» unha situación que cualifican de «anómala». Así mesmo, o sindicato esixirá responsabilidades polos danos causados ao traballadores e traballadoras que teñan atrancos para o desfrute das súas vacacións ou se se producen desatencións nos centros pola falta de persoal suficiente.