14/12/17

PUBLICADA A OPE 2017 CO VOTO EN CONTRA DE CCOO

O martes 12 de decembro publícase no Diario Oficial de Galicia a Oferta de Emprego Público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

A Dirección Xeral de Función Pública fixo oídos xordos ás diversas alegacións presentadas dende CCOO, motivando o noso voto negativo por:

NON negociar co tempo suficiente algo transcendente non so para a promoción e acceso á Función Pública, senón para o mantemento dos servizos públicos.

NON convocar a totalidade do proceso de consolidación (1ª e 2ª parte).

NON duplicar o número de prazas para promoción interna que non restaban taxa de reposición incluíndo especialmente as de persoal laboral tendo en conta que será unha das últimas oportunidades de promoción por esta vía dado o proceso de creación de escalas que está levando a cabo Función Pública.

NON negociar un decreto de funcionarización que despexara as dúbidas e inquedanzas entre o persoal laboral afectado, empezando por clarificar e modificar as escalas creadas.

NON concretar por anos o número de prazas e categorías a incluír no proceso de estabilización, tal e como recolle o acordo asinado o día 18 de outubro, partindo dun mínimo do 50% de prazas a convocar no ano 2018.